Hai
poucas semanas, unha amiga, tan boa amiga como me consta que docente,
contábame un feito anecdótico que lle acababa de pasar no instituto
de secundaria no que traballa. Cando estaba facendo unha garda, pola
ausencia dun compañeiro, observou que un seu alumno da ESO, que
cando ten clase con el adoita molestar con relativa frecuencia,
estaba todo caladiño, moi concentrado na lectura dun libro. Como lle
chamou a atención esa nada frecuente actitude, achegouse e
preguntoulle que estaba lendo con tanto interese. Para a súa
maiúscula sorpresa, contestoulle que o Manifesto
Comunista.
Visto o visto, entroulle a curiosidade de que opinión lle merecía,
escoitando que aínda que lle resultaba un pouco aburrido parecía
talmente que acababan de redactalo, e non que fora publicado en 1848.
Ó seu parecer, era de rigorosa actualidade. Manifestou tamén que
había uns días que o vira na casa do avó, que lle chamara a
atención e que decidira empezar a lelo. E xa o tiña bastante
avanzado. Esta verídica e recentísima historia nada ten que ver co
proceso electoral no que estamos inmersos. Ó rapaz protagonista
aínda lle faltan dous anos para poder votar.
Mais
do feito en si, podemos tirar algunhas conclusións. Que o comunismo,
que as teses comunistas defendidas por Marx e Engels hai case 170
anos seguen tendo vixencia, porque na nosa sociedade, disque do
século XXI, seguen estando presentes todos ou grande parte dos males
dos que no Manifesto
se fala. O primeiro de todo: segue habendo opresores e oprimidos,
explotadores e explotados e, tamén, como consecuencia, ricos
(riquísimos) e pobres (paupérrimos). Vivimos nunha sociedade
inxusta que só poderá mudar cambiando o réxime social e político
existente. E como practicamente todo cambio social hai que comezalo
por abaixo, son os concellos os primeiros que precisan de mudanzas
substanciais, onde a esquerda, porque non queda outra, vai ter moito
que dicir. Estou completamente convencido de que a cidade que me viu
nacer precisa dun cambio que dunha vez por todas arranxe as
dificilísimas condicións de vida dunha significativa parte –por
desgraza, cada vez maior–, da veciñanza. É obvio, que por onde
camiñamos non imos a bo porto, non imos cara a ningures. Faise
precisa unha forte presenza de xente nova, totalmente limpa de
corruptelas ou tentacións de, que traia novos xeitos de facer
política local, porque habelos hainos. Penso, e vexo, que Ferrol en
Común podería perfectamente ser o motor principal do inicio dun
imprescindible cambio pola esquerda. Que o vexamos!