Código Ético



... em cada rostro, igualdad

introdución


A dramática situación da cidade de Ferrol non tivo máis resposta por parte do bipartidismo que o continuísmo dos gobernos como meros xestores de recursos públicos, coma se dunha empresa privada se tratase. Obras faraónicas, malgasto, falta de participación, caracterizan esta democracia falseada. A nosa cidade, con taxas máximas no país de desemprego, envellecemento, emigración, pobreza e exclusión social, é rexida ás costas do pobo, da xente do común, da nosa veciñanza que non se sinte partícipe en cada unha das decisións que se toman por parte dos partidos turnistas ,e á que non se lle ofrecen solucións reais a problemas concretos: é hora de mudar este réxime, e impedir que os recursos públicos achegados entre todos e todas ás arcas municipais sexan tratados con intereses partidistas sdt as consecuencias do capitalismo salvaxe que nos meteu nestes tempos de emerxencia social.

Este código ético pretende ser algo máis que unhas boas prácticas, é un mandato as persoas candidatas que se presenten nas listas de Ferrol en Común, mandato de obrigado cumprimento e que será asinado, e asumido como propio por os e as que asinen e participen de Ferrol en Común, como un paso máis para avanzar a unha democracia participativa, sen privilexios e sen máis ambición que a de gobernar obedecendo. Non basta con obedecer o mandato da cidadanía, senón que cómpre artellar os mecanismos para a rendición de contas da xestión municipal e, de selo caso, de fórmulas de revogación de mandatos.

Tamén deben articularse todos os mecanismos que garantan corrupción cero e fin dos privilexios da clase política que entende a profesionalización da mesma como un factor social asumido.

Estas eleccións municipais encádranse dentro dun ciclo de transformación social e, dende Ferrol en Común, consideramos que dende a política máis próxima, a municipal é a base dende onde podemos tomar o control democrático dos gobernos para a xente, para a igualdade, a liberdade e a fraternidade efectivas.

O presente código ético será desenvolto nun regulamento e nunha carta financeira, que desenvolva os principios básicos do mesmo



compromisos
obediencia
igualdade

As persoas que representaran a Ferrol en Común tomarán como documento base para a súa acción política o Regulamento de Participación Cidadá e todas as figuras nel contempladas. Comprométense a render contas periodicamente —de maneira presencial e virtual— e a obedecer a vontade popular expresada nos espazos de participación democrática que se articulen, non só nos que existen na actualidade. Empregarán, ademais, o diálogo, a argumentación, a escoita activa e o debate de ideas, tanto en campaña electoral como no exercicio das súas responsabilidades públicas, para promoveren as súas propostas. Comprométense tamén a garantir a participación da cidadanía nas decisións relevantes ou que teñan un impacto significativo a nivel urbanístico, ambiental ou social. Así mesmo, impulsarán as iniciativas cidadás que se propoñan a través dos mecanismos contemplados na legalidade vixente ou aqueles outros que se implementen no futuro. Comprométense tamén a levar a cabo as súas políticas desde a transversalidade de xénero, garantindo a responsabilidade de todos os poderes públicos no avance da Igualdade entre mulleres e homes, garantindo a participación das mulleres na vida política, pública e social.
Os e as representes de Ferrol en Común comprométense a utilización dunha linguaxe inclusiva, en todas as intervencións públicas nas que participen, orais e escritas.
Ferrol en común habilitará os mecanismos necesarios para erradicar o absentismo das persoas que o representan. Ademais, estas comprométense a non abandonar as súas responsabilidades para concorrer a outra convocatoria electoral durante o mandato.


cero corrupción

As persoas electas de Ferrol en Común, así como o persoal de confianza e con cargos directivos, poderán ser revogadas pola cidadanía ou polos órganos correspondentes de Ferrol en Común, seguindo os mecanismos que a tal fin se habiliten nun regulamento, no caso de violación deste Código Ético ou de incumprimento grave e non xustificado do programa electoral.

Ademais, aquelas comprométense a renunciar de forma inmediata ante a imputación xudicial de delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas. Tamén no caso de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia, pederastia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras. Entenderase por imputación xudicial a existencia dunha resolución motivada onde un xuíz estime a existencia de indicios racionais de delito. Non será causa de dimisión ou cesamento a imputación resultado dunha actuación política expresa e previamente autorizada por Ferrol en Común, así como as imputacións en actos de insubmisión política contra recortes sociais.


non máis privilexios
nin portas xiratorias

As persoas con cargos electos ou de designación política de Ferrol en Común comprométense a non prestar servizos para empresas contratistas ou concesionarias relacionadas coas funcións nas que exerceu no Concello da Ferrol durante un prazo mínimo de tres anos desde o cesamento no cargo público. Así mesmo, non poderán acceder, durante un período de cinco anos, a cargos de responsabilidade en empresas creadas, reguladas ou supervisadas en virtude do seu cargo, e durante dez anos tampouco aos seus consellos de administración. Ferrol en Común publicitará a situación profesional das persoas con cargo, así como as súas declaracións da renda e, no seu caso, patrimonio, durante os tres anos posteriores ao abandono das súas responsabilidades. Ferrol en Común seguirá o principio de unha persoa, un cargo, sen ningún tipo de excepción salvo as que marque a lei, previa comunicación e aprobación e control no modo de actuar por Ferrol en Común.

Reciprocidade: Ferrol en Común comprométese a facilitar a conciliación da vida política e laboral, con especial interese nas mulleres que se atopen en situación de embarazo e/ou lactancia natural, das persoas con cargos electos, persoal de confianza e con cargos directivos,, axudando no posíbel á súa reinserción na vida laboral unha vez abandonadas as súas responsabilidades, así como a facilitar a conciliación entre a vida persoal e a política.

As persoas con cargos electos, así como o persoal de confianza e os cargos directivos, sempre que teñan réxime de dedicación, renunciarán a calquera tipo de privilexio derivado das súas responsabilidades, incluídas as primas por asistencia a outros órganos e o emprego inxustificado de vehículos oficiais, equiparándose en materia de dereitos e obrigas a calquera traballadora. Poderán recibir compensacións económicas, en todo caso, polos gastos en transporte —preferentemente público—, alimentación e aloxamento ocasionados pola súa actividade. As persoas electas de Ferrol en común non disporán, en ningún caso, de contas bancarias ou intereses económicos en paraísos fiscais e renunciarán a calquera regalo, privilexio ou trato de favor que reciban en función do seu cargo. Ademais de rexeitalos e devolvelos, no seu caso, a non aceptación destes regalos ou tratos de favor farase pública de maneira inmediata e explícita.




transparencia e aforro

As persoas con cargos electos de Ferrol en Común, así como o persoal de confianza remunerado con fondos públicos e os cargos directos de designación política, farán públicas cada ano, a comezar polo intre da súa toma de posesión, as súas declaracións de bens, renda e, no seu caso, de patrimonio. Este compromiso, estenderase durante tres anos despois do abandono, calquera que fose a causa, das súas responsabilidades. No caso das declaracións de bens precisarase a porcentaxe de titularidade dos bens, así como a identidade das outras persoas cotitulares (con iniciais, no caso de non obter consentemento) e o réxime da relación con ditas persoas. Consonte a esa transparencia, Ferrol en Común fará públicos os criterios que avalen a contratación de cargos ou postos de libre designación.
Os ingresos das persoas representantes electas, así como o persoal de confianza e con cargos directivos, serán transparentes e accesibles. Asi como as nóminas resultantes do seu novo cargo. A cidadanía poderá, ademais, coñecer periodicamente todos os ingresos e gastos do Grupo Municipal, estea na oposición ou teña responsabilidades de goberno. Alén diso, todos estes datos deben ser publicados anualmente. O balance de gastos e ingresos do Grupo Municipal publicarase con carácter trimestral. As axendas dos e das edís, así como as ordes do día e os informes que dean conta do seu desenvolvemento, serán públicas e accesíbeis, aínda que por razóns de seguridade non sempre en tempo real.
As retribucións das persoas con cargos electos e persoal eventual serán desenvoltos pola carta financeira, tomando como referencia a renta per capita media da cidade e garantindo un equilibrio entre salarios máximo e mínimo.

Ferrol en Común e as persoas que o representan reducirán de maneira significativa o gasto electoral, limitarán as doazóns privadas e procurarán xestionar os seus recursos a través de entidades de economía social e solidaria ou cun alto grao de responsabilidade social. Favorecerán, ademais, o micromecenado e cooperativismo social para fins concretos, claros e transparentes. As representantes de Ferrol en Común comprométense a combater o dispendio de recursos e fondos públicos no exercicio das súas funcións. Os ingresos institucionais deberán servir tamén para favorecer a auto-organización e o empoderamento cidadán e as loitas sociais, así como o fornecemento do tecido veciñal, sempre que non se xere dependencia ou clientelismo.


renovación


As persoas con cargos electos de Ferrol en Común, así como o persoal de confianza e con cargos directivos, exercerán as súas responsabilidades durante un máximo de oito anos, o equivalente a dous mandatos completos, sexan alternos ou consecutivos. Despois deste período deberán regresar á súa actividade profesional un mínimo de cinco anos. Ferrol en Común e as persoas saíntes, sen remuneración engadida de ningún tipo, favorecerán a formación e facilitarán a transmisión de coñecementos para garantiren a renovación.

Estes criterios son invariábeis, mesmo acadando cotas de goberno.