Bo día a todos a todas
Hoxe
comeza un novo tempo en Ferrol, o pasado 24 de maio, a cidadanía
exerceu o seu dereito democrático e confiou en que unha candidatura
de unidade popular se puxera á fronte dun goberno para, dende o
común, artellar unha solución aos seus problemas cotiáns, que
afectan aos seus dereitos máis esenciais: a vivenda, o traballo e
mesmo o sustento, e que teñen que vir necesariamente dende quen ten
a obriga de responder: as institucións; somos nós, dende a
participación cidadá, os e as vinte cinco representantes que fomos
escollidos nas urnas, os que debemos tecer redes durante estes catro
anos para que a frustración e a resignación se convirtan en
activismo e implicación na vida pública, para que as solucións
políticas a problemas concretos sexan consensuadas entre
representantes políticos e a veciñanza, para devolver a Ferrol a
estima necesaria e as condicións materiais para acadar a xustiza
social.
Recibo
o bastón de mando como un máis, para entregalo novamente á
cidadanía, co ánimo de transformalo nun símbolo do que xa non é,
a mera representatividade, para darlle un novo contido no que a
democracia e a política recuperen os seus vellos sentidos:
democracia como poder do pobo e política como a procura conxunta do
ben común. Non podemos negar que corren novos tempos, que a
cidadanía non se resigna xa a depositar o voto nunha urna cada catro
anos, e que a esixencia está no día a día, nas rúas e nos centros
de traballo, na faciana de cada un dos nosos conveciños, que
demandan de nós, os concelleiros e concelleiras, que sexamos un máis
entre todos e todas, nun Concello que abra portas e ventás, que sexa
a casa do pobo con acceso libre e paredes de cristal, e onde a
codecisión sexa factor decisivo para priorizar o gasto público onde
máis se precisa.
No
ano 1973 a miña familia tivo que marchar desta cidade pola crise do
sector naval. Máis de corenta anos despois, os mozos e as mozas de
Ferrol seguen obrigados a marchar; nesta hemorraxia que baleira de
esperanza a Ferrol, o futuro debera residir na mocidade que levante
esta cidade, non na subsistencia amarga de rendas de inserción ou
grazas ás pensións dos nosos maiores que a duras penas manteñen as
súas familias, ese envellecemento nos rostros e fachadas deste
Ferrol que tanto nos doe. Durante décadas, a loita obreira e o
activismo social foron buque insigne en Ferrol para rescatar algo do
que debemos facer bandeira: a dignidade. Unha palabra que levan
gravada a lume nos ollos os máis de 4000 despedidos do sector naval.
Os que sofren polo desmantelamento do equipo de valoración da
dependencia, polo deterioro da sanidade pública, pola asfixia das
entidades sociosanitarias. Dignidade nos que non teñen acceso a unha
residencia de maiores ou se lles retira a axuda á dependencia. E
dignidade nos ollos dos nenos e nenas que só satisfacen as súas
necesidades nutricionais na escola e, como non, nas dos desafiuzados
que se enfrontan á grande banca sen corazón por ter un teito onde
atopar acubillo. Dignidade nas máis de 700 persoas que tiveron que
baixar o enreixado dos seus comercios no último lustro.
Son
momentos críticos para Ferrol, vivimos enquistados na crise
demográfica, na perda de emprego industrial, na falta de carga de
traballo real para Navantia e no deterioro urbanístico. Agora máis
que nunca precisamos da unión social, da falta de revanchismo
político e da responsabilidade e altura de miras, para non darlle ás
costas aos problemas reais da cidade e a súa xente, para que esas
case 5000 persoas que non reciben ningún tipo de prestación teñan
esperanza, e para evitar o que xa parece inevitable, debemos lanzar
amarras sobre esa balsa de pedra da que falaba Saramago, esa balsa de
pedra na que estamos illados do resto do país, unha cidade que
parece perdida, pero nin moito menos morta, e iso só se pode facer
dun xeito: con consciencia de comunidade, coa unión das forzas
políticas e sociais para reclamar dende unha base social forte, con
firmeza e determinación, o que a Ferrol lexitimamente lle
corresponde e se lle está a negar: Estaleiros públicos punteiros
con carga de traballo e rexuvenecemento de plantillas,
infraestruturas e comunicacións ferroviarias que nos afasten do
século XIX, a apertura definitiva da nosa cidade ao mar, un
saneamento integral da nosa ría, espazos verdes para un concepto de
cidade compacta e a recuperación dos terreos ociosos que ocupa
defensa para darlles uso dotacional
Continuando
con Saramago quero determe nas súas palabras: para
que as cousas existan son precisas dúas cousas: que o home as vexa e
que lles poña nome.
É por iso que a porta do alcalde vai estar sempre aberta, coa
humildade suficiente para escoitar o que a xente ten que dicir, para
empatizar na angustia e na pobreza e sentila como propia para darlle
unha solución política. Poñer nome ao sufrimento, adaptar a
política ao contexto e centrar a austeridade en nós mesmos, non nos
dereitos sociais, a sanidade, a educación ou a vivenda.
Son
unha persoa sinxela que proveño dunha familia humilde. Na miña
filosofía de vida vai o diálogo e a tranquilidade, pero tamén a
firmeza na consecución dos obxectivos. É por iso polo que conto con
cada un de vós para facer rexurdir esta cidade e, tamén, esta
institución, para emprender o retorno de todos os servizos
privatizados, pensando nunha mellor prestación, na dignificación do
emprego e na rendibilidade social e non puramente económica. No
noso ánimo non está facer carreira política, o sectarismo nin a
defensa de posicións partidistas. Estamos aquí para tratar de
rescatar Ferrol do seu destino e só coñecemos dúas vías: a
interlocución constante coa xente do común e o traballo infatigable
para acadar os nosos obxectivos, un plan de emprego, o impulso do
cooperativismo, as cláusulas sociais nos pregos de contratación, a
rehabilitación de vivenda como fonte de traballo, o apoio ao
comercio local con medidas concretas son algunhas das nosas propostas
para combater os números do desemprego, detrás dos cales hai
sufrimento humano. Eu e mais os concelleiros e concelleiras que
conformamos este goberno, temos un compromiso ético coa cidadanía,
empezar este goberno obedecendo, cumprindo ese programa pactado co
tecido social, e teremos, estou seguro, a valentía de enfrontarnos a
eses grandes monstros que devoran os nosos recursos públicos e que
xa planean como voitres sobre os nosos estaleiros. E reivindicaremos
ante a Xunta e o Estado, máis alá de simbolismos, o que nos
corresponde, dende a insubmisión e o desafío, antepoñendo o
interese da cidade á compracencia política.
De
seguro cometeremos erros, tropezaremos e volveremos a erguernos,
aprenderemos deles e aceptaremos as críticas que nos axuden a
aprender. Pero de seguro que tamén que a ilusión que estes días
recollo nas rúas de Ferrol, esta proposta da esquerda
transformadora, vai baixar ao concreto nunha nova concepción
política, en medidas que contribúan á xustiza social eliminando
privilexios e potenciando os servizos sociais, á distribución da
riqueza a través da progresividade fiscal, e á consolidación dos
servizos públicos como garante dos dereitos fundamentais, e como non
ao respecto, á tolerancia, a inclusión plena e a igualdade entre
homes e mulleres.
Quero
determe para facer mención aos compañeiros e compañeiras de
corporación. Recoñecerlle ao alcalde saínte a súa disposición e
cordialidade no traspaso de poderes. Desexarlle sorte á
representante de Ciudadanos na súa nova andaina política. Agradecer
ao BNG o seu apoio a esta investidura, coa confianza posta nunha
oposición construtiva e onde, de seguro, compartiremos moitos
espazos. E, dende logo, a lealdade e boa disposición do Partido
Socialista, que dende o primeiro momento apostou por un goberno de
esquerdas cohesionado en torno a un programa centrado nas persoas
para a cidade de Ferrol. Animo a todas as forzas políticas a
traballar conxuntamente para que emprego, servizos sociais,
infraestruturas adecuadas, medio ambiente e rehabilitación sexan o
común denominador para todos e todas nós na loita que debemos
emprender para un novo Ferrol.
Quero
rematar dando as grazas a todos e todas, poñéndome a disposición
de todos e cada un dos veciños e veciñas de Ferrol sen distinción,
e apelar á responsabilidade, o traballo conxunto e o compromiso das
25 persoas que estamos aquí sentadas para reivindicar o grande
concepto esquecido da revolución francesa: a fraternidade entre
todos os homes e mulleres, imprescindible para a construción
colectiva dun Ferrol para vivir e traballar e, dende aquí, non podo
deixar de facer un chamamento a toda á cidadanía a formar parte
desa comunidade fraterna que devolva o optimismo e a dignidade da que
falaba ao principio para Ferrol e, permitídeme que finalice xa
citando a Albert Camus: no
máis cru do inverno aprendín que dentro de min hai un verán
invencible.
E esta cidade leva un inverno eterno e, dende logo, merece un verán
invencible