O convenio de Defensa redactado en 1999 está agora de novo enriba da mesa. A superficie total que inclúe o dito convenio son uns 1,1 millóns de metros cadrados en todo o municipio entre os que están as parcelas do Sánchez Aguilera que conta con case 90.000 metros cadrados, e a antiga Estación de radio de Mandiá de 125.000 metros cadrados. Dende FeC entendemos unha necesidade recuperar eses terreos cedidos a Defensa, para usos sociais e dotacionais ademais da súa posta a disposición da cidadanía para unha utilización de carácter social, de lecer, para o cooperativismo agrícola, nichos de empresas locais ou servizos públicos.
O Sánchez Aguilera no seu estado actual, de abandono absoluto constitúe un auténtico tapón que fragmenta a cidade, e non posibilita o desenvolvemento comunitario dos distintos barrios que se atopan na súa contorna. Algo que FeC entende importante para construír unha cidade compacta, con conexión entre os barrios, para fomentar así, a mobilidades e a habitabilidade dos cidadáns para potenciar a recuperación da vida nos barrios.
FeC considera tamén de gran importancia os terreos da Estación de radio de Mandiá, nun estado lamentable froito da desidia. Terreos que consideramos prioritarios para o noso obxectivo de promocionar o cooperativismo, que permita presentar un novo modelo de crecemento económico, máis sostible, democrático e solidario. A economía cooperativa, asentada nos piares da igualdade, da cooperación e da solidariedade , é un motor económico axeitado para construír un novo modelo de cidade, pero sobre todo buscar novas alternativas profesionais e formativas nunha localidade marcada pola depresión económica e os altos datos de desemprego estruturais.
O monocultivo industrial do sector naval e a crise inducida pola falta de vontade política en soster un Sector Naval Público forte a través de Plans estratéxicos industriais son en parte a explicación dunhas cifras de desemprego ante as que hai que actuar dende os poderes públicos, con políticas activas de emprego que xeren traballo estable e de calidade. Neste sentido, dende FeC entendemos que a economía social e o cooperativismo poden contribuír a construír un mercado laboral menos precario e flexible. Pensamos que o sector industrial ten que vir complementado cun sector primario forte, abordando novos mercados como os produtos ecolóxicos, e axundando a potenciar os productores locais fortalecendo a rede de distribución local. Así mesmo, entedemos dentro deste proxecto a creación dunha cociña municipal na que por un lado os máis novos adquiran hábitos de consumo saudables, e por outro consuman produtos de calidade producidos na súa contorna máis próxima que ademais pode contribuír a ter unha maior conciencia ambiental.
Na actualidade o cooperativismo representa tan só o 0,27% da economía na cidade, e na comarca un 0,77%. En Galicia, o cooperativismo constitúe unha fonte de emprego innegable xa que xera 10.714 empregos directos e 22.433 empregos indirectos, principalmente no sector primario e terciario, é dicir o 2,02% do emprego en Galicia. Ademais, o cooperativismo non só permite un desenvolvemento económico, senón tamén un fortalecemento do tecido asociativo da cidade e un motor de dinamización social, que fomenta a participación, a educación, a cooperación e un traballo que busca o ben e o interese da comunidade.
Na Antiga Estación de Radio de Mandiá
En FeC queremos para a nosa cidade un modelo económico como o que representa a “economía social”, onde se encadra o cooperativismo. Apostamos polo crecemento das actividades económicas e empresariais, que aínda que no ámbito privado leven a cabo entidades que perseguen ou ben o interese colectivo dos seus integrantes, ou ben o interese xeral económico ou social, ou ambos. Un modelo democrático no que son os propios traballadores os que asumen as decisións, un modelo no que priman as persoas, e o fin social sobre o capital, e sendo hoxe en día un dos mellores expoñentes do traballo estable e de calidade, pero tamén da promoción da solidariedade coa sociedade, que fai das cooperativas a base para o crecemento local e sostible, que fomenta a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, a cohesión social e a inserción das persoas en risco de exclusión.