¿Fago ou non teatro en Ferrol?
Fago.
Porque amo o meu traballo.
A pesares de que a administración do PP me suba o IVE ao
21%.
A pesares de que a penas programe teatro galego, e
incluso diga que na miña cidade só hai unha compañía de teatro profesional,
cando eu coñezo alomenos, tres.
A pesares de que desbarate con decisións unilaterais o
ciclo de teatro amador Domingos a Escena, cando levaba funcionando sen conflictos
máis de doce anos.
A pesares de que poña escusas baratas á ocupación dos
espazos públicos para a presentación dos nosos traballos, amadores ou
profesionais.
A pesares de que pretenda montar a semente dunha Escola
de Teatro Municipal con 30.000 €. “A mellor do Norte”, en palabras literais do
Concelleiro. Escola que quedou en Obradoiro... Quedaban dous meses para as
eleccións e algo había que montar rapidiño, ¿non é?
A pesares de que gaste 20.000€ de fondos públicos (de
crentes e non crentes) na escultura do “Capuchón” da Rúa Real, mentres o Ateneo
Ferrolán espera a volta dos seus fondos bibliográficos e artísticos.
A pesares do continuo ninguneamento da administración do
PP ás persoas que fan a cultura de a pé na nosa cidade:
Un pintor contábame hai uns días que lle retiraron a exposición do Torrente
Ballester porque o Concelleiro seica dixo que “aquilo non era cultura”...???
Unha Escola de Danza de Ferrol ten que marchar a concellos próximos para
realizar a súa mostra de fin de curso.
A Octava Semana da Poesía Salvaxe, que trae a poetas e poetisas galegos e
de toda a península, ten que autofinanciarse porque o Concello retiroulle as
achegas económicas.
Os músicos e músicas a penas poden tocar nas rúas, máis as procesións da
Semana Santa borean ata altas horas da madrugada...
En fin...
¿Fago ou non fago teatro, danza, música, cine, pintura, poesía en Ferrol?
¿Fago ou non fago...?
Fago.
Porque amo o meu traballo.
Pero só de amor non se vive, ¡ogallá!
Eu quero un cambio radical na nosa cidade. ¿Ti queres...?
Facer o teu traballo por amor e con amor, tamén significa facelo con
dignidade.
Por
Helga Méndez
Actriz e directora de teatro ferrolá