Ferrol en común entende que os usos e
costumes dos nosos habitantes son os que ditaminan en boa medida a realidade da
nosa cidade. A nosa aposta decidida por unha mellora dos servizos públicos como
o transporte debe complementarse con campañas e incentivos para conseguir unha
cidade máis humana e sostible. Elevar notablemente a calidade de vida dos nosos
veciños é o mellor reclamo posible para rematar coa perda demográfica que
levamos vivindo durante demasiados anos. Esta circunstancia unida a un plan de choque
en materia laboral pode inverter esta tendencia que é un dos nosos problemas
prioritarios.
Ferrol en común sinala que este labor
didáctico é extensible a todas as franxas de idades da nosa poboación pero
indubidablemente, e por causas obvias, debe de ser especialmente importante
entre os nosos habitantes máis novos. Neste sentido e como primeira medida
apostamos por dar o trato destacado que merecen aos recursos xa existentes.
Este compromiso implica tanto cuestións
materiais de mantemento e ampliación de instalacións como de fomentar a súa
utilización polos centros educativos da cidade. Espazos como Aquaciencia, Aula
de Ecoloxía Urbana ou o museo da Sociedade Galega de Historia Natural deben de
considerarse como unha prolongación máis das aulas do conxunto da bisbarra. Por
iso apostamos por un traballo específico realizado polos técnicos do Concello
en coordinación cos profesionais da educación para integrar as devanditas
actividades na programación anual escolar para obter o mellor dos rendementos.
Ferrol en común aposta por un
mantemento constante das instalacións. Episodios como o vivido por Aquaciencia
cunha deterioración evidente das súas instalacións que mesmo obriga a manter
pechados boa parte dos seus aparatos non poden repetirse nunha cidade como a
nosa. Non é unha solución satisfactoria aceptar esta degradación ata obter
recursos de xeito excepcional da Deputación.
Lamentable tamén é o trato recibido
pola Aula de Ecoloxía Urbana, única na súa categoría do Estado, obrigando o seu
traslado non programado en metade do curso académico para favorecer unicamente
os intereses comerciais duns poucos. Hai que recordar que foron as protestas de
organizacións e colectivos cidadáns as que forzaron o goberno local do PP a
encontrar unha solución de emerxencia para tan valioso recurso didáctico.
Por último Ferrol En Común aposta por
destacar como merece ese tesouro común que son as instalacións da Sociedade
Galega de Historia Natural. Non só adquirimos o compromiso de resolver de xeito
inmediato e definitivo o problema prolongado que supón unha cuberta inconclusa
e a falta de señalética específica se non que entendemos necesario a ampliación
demandada de espazo para poder levar adiante labores complementarias.
A cesión dos xardíns lindantes e da
nave próxima mellorarían notablemente o seu traballo de recuperación de animais
enfermos ou lesionados ou as súas actividades de taller relacionadas co museo
en si mesmo.