Somos
moitos e moitas os que nos afixemos durante anos a mirar Ferrol dende
fóra. Non é só que a cidade
perdera 13 mil habitantes nos últimos 20 anos (de 83 mil ata os
actuais 70 mil), senón que se converteu nun espazo envellecido, no
que tan só o 35% dos
maiores de 16 anos ten traballo, cunha
proporción cada vez menor de mozas e mozos. Se
en 1991 había 38.685 persoas de menos de 35 anos, dez anos máis
tarde xa eran só 30.528 e en 2011 a cifra caera ata os 23.037.
Non
quedou outro remedio, nunha cidade que ía pechando portas e
oportunidades. As ilusións foron debilitándose, tamén a esperanza
dun futuro distinto e dunha cidade mellor. Para moitos e moitas
Ferrol xa non existe como proxecto de futuro. En moitos e moitas hai
máis cariño que orgullo por este lugar.
Todos
e todas temos atopado ferrolterráns polo mundo adiante, compartindo
nas conversas un certo escepticismo sobre a nosa comarca, un
desapego, un fatalismo ante unha batalla dada por perdida. Pero, de
súpeto, na mesma conversa agromaban os partidos do OAR na Malata e
Nate Davis, os guindastres de Astano e Bazán, Doniños e o Pantín
Classic ou os solpores sobre a ría. E na gorxa acababa por facerse
un nó. Hai nesa mesma desesperanza e nesa fatalidade de derrotas
enlazadas un desexo forte de sentirse orgulloso ou orgullosa de
Ferrol, de termos razóns para erguer un orgullo de cidade.
Probablemente
de todos os nosos sentimentos o único que non é verdadeiramente
noso é a esperanza, escribiu Cortázar. A esperanza perténcelle á
vida, é a vida mesma defendéndose. Os últimos anos foron moi duros
e necesitamos de esperanzas e de ilusións. E máis en Ferrol.
Esperanzas e ilusións que debemos construír entre todos e todas,
porque doutro xeito si que estará todo perdido. Non é o sufrimento,
senón a esperanza de cousas mellores o que alimenta as rebelións.
Ferrol
necesita un cambio que axude a recuperar a ilusión, que faga que as
rúas volvan rebulir de vida. Un cambio baseado, en primeiro lugar,
en escoitar os veciños e veciñas e en contar cos seus puntos de
vista e necesidades para o deseño das medidas a adoptar. En
informar, en ser transparente. Ferrol necesita un cambio baseado en
avanzar preguntando. Ferrol necesita un alcalde que non goberne só
para a metade da cidade, como veu sucedendo os últimos anos.
É
certo que boa parte dos problemas de Ferrol teñen unha solución que
vai máis aló do Concello, e é igualmente certo que os concellos
viron recortada nos últimos anos a súa capacidade de acción. Pero
é posible gobernar doutra maneira, vaia se é posible. Algunhas
diferenzas son simbólicas, certos cambios non dependen dunha
cuestión orzamentaria, senón dun saber facer, e dun querer facelo.
Certos cambios dependen dun cambio de actitude: de ser firme cos
poderosos e dialogantes coa xente de a pé. Ás veces simplemente se
trata de non poñer obstáculos para que os sectores máis activos da
cidade leven adiante os seus proxectos.
Outras
diferenzas si teñen un peso económico claro. Abonda con falarmos da
xestión externalizada do servizo de auga e do saneamento, dos 600
mil euros anuais que recibe Eulen pola xestión dos espazos
culturais, e doutras cesións que só alimentan o beneficio privado e
nos empobrecen aos demais, ademais de levar a unha xestión moi
deficiente. Cos cartos de todos e todas pódese facer unha política
moi diferente á que se veu facendo. Hai moito que facer en política
cultural, en benestar, en turismo e na imaxe que Ferrol proxecta de
si mesma, en urbanismo, en políticas de emprego e promoción
económica. Porque dende os concellos tamén é posible crear
emprego.
É
por todo isto que apoio a candidatura de Ferrol en Común. Para ter
un novo Goberno municipal a partir do 24 de maio. Quedan tres
semanas. Está chegando a primavera
Hai
ferramentas, temos instrumentos na nosa man para mudar a nosa
realidade, para mellorar as nosas vidas. Aínda que nada cambie, se
eu cambio, se ti cambias, se nós cambiamos, todo cambia. Como
escribiu Eduardo Galeano, “ao final, cada un de nós somos o que
facemos para cambiar o que somos”. Está nas nosas mans.
Marcos Pérez Pena
Xornalista